Saúdo do Alcalde Corte e Raíña Corte e Raíña Infantil Paxes Programa

12:00 h Badaladas e repenique de campás na torre municipal. Salva de vinte e unha bombas de ordenanza.

COMPETICIÓN DEPORTIVA

19:00 h No estadio García Irmáns disputarase entre os equipos Betanzos C.F. e C.D. Bullense a L Edición do Trofeo San Roque de Fútbol.

ACTO RELIXIOSO

19:00 h Concentración de conxuntos musicais e artísticos na praza da Constitución para participar no desfile da Función do Voto que terá lugar na igrexa de san Domingos. A misa solemne será de novo cantada pola Coral Polifónica de Betanzos. A comitiva oficial, presidida polo alcalde, partirá da Casa do Concello, e formará parte dela a corporación local, as raíñas das festas e as súas cortes de honra, a escuadra do rexemento de Betanzos; a Policía Local; maceiros e alguacís; a Banda Municipal de Música de Betanzos; a Escola Municipal de Folclore e o Grupo Azougue; o Grupo de Gaitas Os Brigantinos; mómaros e cabezudos; así como as Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo con danzas de adultos e infantís de mariñeiros e labradores. O percorrido terá lugar pola rúa do Castro, a Porta da Vila e a praza dos Irmáns García Naveira ata chegar á igrexa de San Domingos. Ao remate do acto litúrxico retornarán á praza da Constitución, onde cada agrupación musical e folclórica ofrecerá un tema do seu repertorio.

VERBENA POPULAR

22.30 h A orquestra PRINCIPAL animará o público como adianto ao lanzamento do monumental globo de papel. Logo da saída do aeróstato e a correspondente e tradicional queima da fachada de San Roque, así como da sesión de fogos de artificio, novamente a orquestra Principal será quen poña o broche de ouro á noite máis grande das festas do San Roque, que tan especial é para todos os betanceiros e betanceiras.

O GLOBO DE BETANZOS

23:30 h A orquestra deixará de soar. Unha bomba de palenque anunciará entre a expectación e o nerviosismo de todos os presentes, a saída do Globo de Betanzos do Cinema Alfonsetti para proceder a inchalo.

Rematado o proceso de preparación e inchado, un ano máis, o aeróstato portador da ledicia e o orgullo de todos os betanceiros e betanceiras , o globo de Betanzos (o globo de papel máis grande do mundo), atravesará a noite betanceira. Baixo a dirección dos sucesores de Claudino Pita, terá lugar o corte de amarras e o comezo do ascenso do xigante de papel.

A tradición verase cumprida un ano máis

Neste día de previsible afluencia masiva de xente á nosa cidade, a Cruz Vermella e o Concello de Betanzos porán a disposición das persoas asistentes, de xeito gratuíto, un servizo de localización de nenos/as perdidos/as entre as 19:00 h do día 16 e a 01:00 h do día 17 na praza dos Irmáns García Naveira.