Saúdo do Alcalde Corte e Raíña Corte e Raíña Infantil Paxes Programa

Estamos de festa, eses días en que a nosa cidade une tradición e diversión; en que Betanzos amosa a súa identidade, o seu ADN, único, inimitable. Unhas festas que son tamén sentimentos compartidos, días de encontro coa xente da casa; coas persoas da casa que viven fóra; coa xente de fóra que aquí se sente como na casa; e con quen, en xeral, vén gozar a Betanzos achegando a súa alegría e aprendendo da nosa.

As festas son un parón imprescindible nesta atarefada vida que levamos. Un parón en que seguramente non poderemos esquecer os problemas, mais si aparcalos sequera un momento para procurar ese fío de optimismo que nos permita afrontar o futuro inmediato con renovadas enerxías.

Cada quen vivirá as festas á súa maneira: nos actos relixiosos; nos protocolarios; á beira do Mandeo nos Caneiros; na praza dos Irmáns García Naveira presenciando un espectáculo único como o globo; nas verbenas e concertos; ou, simplemente, desde a hospitalidade cara a quen nos visite ou desde o encontro coas persoas queridas.

A todos e a todas, sen excepción, convídovos a participar neste amplo abano de actividades que con tanta ilusión preparou a Concellería de Festas xunto a outras áreas municipais, e a colaboración de asociacións e empresas, pensado para todas as idades, para todos os betanceiros e betanceiras e para os milleiros de persoas que nos visiten durante estes días.

A todos e a todas, no nome da Corporación Local, trasládovos de antemán a nosa gratitude porque estou seguro que unha vez máis lograremos que estas festas na honra de San Roque, declaradas de interese turístico nacional, volvan ser un acontecemento único.